Museo Meirande

Que máis ver

Miradoiros

Monte da Peneda

Este é un dos puntos que divide de forma natural os concellos de Redondela e Soutomaior, pero tamén nos ofrece unhas fermosas vistas. Na cima atoparemos unha capela do século XVIII adicada á Virxe das Neves e unha sobreira centenaria que oculta lendas baixo as súas raíces. Unha delas di que os mouros agocharon un tesouro e outra que oculta un pasaxe segredo que comunicaba o monte co castelo de Soutomaior. Outra afirma que era unha saída segreda do Castelo de Castrizán destruído por Pedro Madruga. Algúns ata din que era unha vella mina romana.

A súa cima ofrécenos unha panorámica de Redondela, Arcade, Vilaboa e por suposto, da Ría de Vigo e a enseada de San Simón. Un lugar cargado de historia e dunhas fermosas vistas.
Vista panorámica icono 360

Miradoiro do alto da Cabaleira

Para acceder a el primeiro debemos chegar ao alto de Soutoxuste, ao monte Outeiro Grande. Unha vez na súa cima veremos unha fermosa panorámica coa Ría de Vigo e a enseada de San Simón como protagonista. Nela tamén observaremos a desembocadura do río Verdugo, o Monte da Peneda, Arcade, Pontesampaio, etc.
Vista panorámica icono 360

Miradoiro do Campo da Rata

A fama deste miradoiro empezou cando un dos veciños de Trasmañó decidiu pór un banco de madeira sobre unha gran pedra con vistas a ría e ata ás illas Cíes. Actualmente é coñecido como un dos “mellores bancos do mundo” o cal ofrece a mellor vista da Ría de Vigo atraendo a multitudes de todos os recunchos que buscan a súa desexada foto neste lugar.
Vista panorámica icono 360

Petróglifos

En varios montes do concello de Redondela podemos atopar unha serie de petróglifos que se remontan a tempos prehistóricos. Ao chegar seranos posible ver ese pretróglifos de formas circulares e abstractas que caracterizan a eses tempos pasados. Actualmente hai diversas rutas que permiten velos na súa totalidade.
petroglifo
petroglifo
Podes consultar as rutas en: http://montepenideprehistorico.com/

A vila de Redondela

A vila de Redondela ofrece unha serie de puntos que se poden vistar durante todo o ano. Dende antigos pazos ata vistas naturais da marisma.

O centro da vila ofrécenos unhas vistas únicas enmarcadas polos dous viadutos que dan renome á vila: O viaduto Pedro Floriani e o viaduto de Pontevedra. Ao andar polo centro atoparémonos de forma casual cunha serie de pazos históricos como a Casa da Torre (actual albergue para peregrinos) ou o Pazo de Petán. Tampouco podemos esquecer os diversos edificios relixiosos que abondan na vila como o convento de Vilavella, a Igrexa de Santiago Apóstolo ou a Capela de Santa Mariña ou das Angustias.

Sen afastarnos da beira do río Alvedosa chegaremos á marisma, a cal proporciona unha fermosa paisaxe ao solpor e conta cun paseo para admirar os seus diversos puntos enclaves ata chegar á desembocadura do río.

Guía de visita – galego

Guía de visita – castellano

Visit guide – english