Museo Meirande

O tesouro

A historia da búsqueda do tesouro comeza pouco tempo despois da batalla. Os primeiros traballos diríxeos Fernando de la Mata, baixo as instrucións do Consello de Indias. Pouco despois o seu rescate atraerá a moitos aventureiros durante o século XVIII: o sueco Sjojelm (1720), Juan Antonio Rivero (1732), que sacou diñeiro por valor de 3.068 reais, canóns, pranchas metálicas e outros aparellos, o francés Goubert (1740) e Bernardino Freire (1776).

A presenza italiana notouse nas últimas décadas do séc. XIX, onde destaca o enxeñeiro Giuseppe Pino, que traballou dende 1892 ata 1929 e rescatou múltiples obxectos (bandexas de prata do navío inglés Príncipe George, vasillas de barro cheas de viño, canóns…), e Carlos Iberti. Tamén son destacables as intervencións de: Frobin (1882); John Emery Gower (1885); Johnson (inglés, 1892); Conde de Pradaría e Andrieux (1899); André Sther (sueco, 1913), entre outros moitos.

Canòns do tesouro de Rande
O neoiorquino John S. Potter Jr. acada o 16 de agosto de 1955 un permiso por tres anos. As súas campañas non terán o éxito esperado. Desesperanzado, Potter acabará por facerse eco das palabras do comandante Cousteau:
Jacques-Yves Cousteau
“… as historias de tesouros afundidos son nun noventa e nove por cento andrómenas ou enganos, nos cales a única riqueza por descubrir é a que pasa de mans do financeiro ás do promotor da empresa. O desexo de enriquecernos rapidamente e sen esforzos, que case todos sentimos, nunca foi explotado dun modo máis feliz que por parte deses individuos aproveitados que falan de tesouros afundidos mostrando amarelados mapas de galeóns naufragados…”
– Jacques-Yves Cousteau
Imaxen búsqueda tesouro
Imaxen búsqueda tesouro
Imaxen búsqueda tesouro
Tendo en conta que os galeóns aínda están afundidos en Rande, hai unha controversia histórica sobre se estes galeóns agochan un tesouro, con todo isto é considerado un mito por moitos expertos, argumentando que a documentación da época inclúe a saída cara a Madrid dos tesouros. Tres que se terían descargado antes da batalla tal e como reflexa esta cita de Xose Ramón Barreiro (Riveira, 2 de decembro de 1936- A Coruña, 17 de marzo de 2021), antigo presidente da Real Academia Galega e profesor de historia contemporánea de Galicia na Universidade de Santiago e experto na materia.
Xosé Ramón Barreiro
“Hai un tecido de lendas escuras sobre este tema. Dende o meu punto de vista, o mito sobre o tesouro é precioso, pero as investigacións sobre el levan ao fracaso desta teoría. O príncipe de Barbanzón, capitán xeral da Galiza daquela época, dirixiu unha expedición na que mil carros de bois —vindo de Pontevedra— partiron cara a Madrid. Mesmo nas actas do Cabido de Lugo pódese comprobar como se destinou unha cantidade de diñeiro para aloxar estes carros en Lugo. Seguramente, a prata viaxaría en bois.”
– Xosé Ramón Barreiro

A pesar diso, varias empresas interesáronse pola busca e extracción do suposto tesouro e dos galeóns; recentemente, o consorcio ruso San Simon GmbHi.Gr ofreceu á Xunta de Galicia trescentos dez millóns de euros a cambio do permiso para explorar a zona e o préstamo a longo prazo de tres galeóns que se exhibirían nos museos de Moscova, Berlín e Rostock (Alemaña). Unha primeira enquisa non detectou ningunha evidencia do presunto tesouro; o 3 de novembro de 2007 apareceron na prensa as primeiras imaxes dos galeóns afundidos, concretamente o Santo Cristo de Maracaibo, obtidas por sonar por un grupo de arqueólogos, xeólogos e xeofísicos. A maior dificultade á hora de localizar, levantar e escavar cada resto das naves é a enorme cantidade de lama acumulada ao longo do tempo, xa que os ríos e regatos que desembocan na ría depositan anualmente moitos sedimentos.

Xulio Verne en Rande

Jules Gabriel Verne (Nantes, 8 de febreiro de 1828 – Amiens, 24 de marzo de 1905), foi un escritor de novelas de aventuras e un dos pais do xénero da “ciencia ficción”, autor de novelas tan coñecidas como “Viaxe ao centro da terra”, “Da terra á lúa” , “A volta ao mundo en 80 días”  e moitas máis. Foi tamén o autor de “20.000 leguas baixo dos mares”, obra na que o Capitán Nemo, protagonista da novela, achegábase ata Rande no seu submarino Nautilus para abastecerse dos tesouros afundidos.

Visitou Vigo polo menos en dúas ocasións: a primeira o 4 de xuño de 1878, e a segunda o 21 de maio de 1884. Chegou por mar a bordo do seu iate a vapor, o Saint Michel.

Xulio Verne - ilustración 20.000 leguas de viaxe submarina

“O capitán Nemo pareceu ter concluído o seu relato que, confésoo, non vía eu en que podía interesarme.

– E ben? – pregunteille.

– Pois ben, señor Aronnax, estamos na baía de Vigo e só de vostede depende que poida coñecer os seus segredos.

O capitán ergueuse e pregoume que o seguise. Obedecino, xa recuperado o meu sangue frío. O salón estaba escuro, pero a través dos cristais transparentes refulxía o mar. Mirei.

Nun radio de media milla arredor do Nautilus as augas estaban impregnadas de luz eléctrica. Víase neta, claramente o fondo areoso. Homes da tripulación, equipados con escafandros, ocupábanse de inspeccionar toneis medio podrecidos, cofres desfeitos en medio de restos ennegrecidos. Das caixas e dos barrís escapábanse lingotes de ouro e prata, fervenzas de piastras e de xoias. O fondo estaba sementado deses tesouros. Cargados do precioso botín, os homes regresaban ao Nautilus, depositaban nel a súa carga e volvían emprender aquela inesgotable pesca de ouro e de prata.

Comprendín entón que nos achabamos no escenario da batalla do 22 de outubro de 1702 e que aquel era o lugar en que se afundiran os galeóns fretados polo goberno español. Alí era onde o capitán Nemo axudaba ás súas necesidades e lastraba con aqueles millóns o Nautilus. Para el só entregara América os seus metais preciosos. Era o herdeiro directo e único daqueles tesouros arrancados aos incas e aos vencidos por Hernán Cortés.

– Podía imaxinar vostede, señor profesor, que o mar contivese tantas riquezas? -preguntou, sorrinte, o capitán Nemo.”

20.000 leguas de viaxe submarina