A fábrica do alemán
O museo MEIRANDE está dentro dunha fábrica de conservas situada na antiga praia do Rabicho. Esta foi chamada “Fábrica do Andaluz” nun primeiro momento e dende os anos corenta ata hoxe “Fábrica do Alemán”. É indiscutible a forte pegada que deixou o seu último propietario, o enigmático Otto Gerdtzen Boyé, natural da cidade alemá de Hamburgo.
A primeira referencia que temos do edificio remóntase ao ano 1836. O empresario catalán Sebastián Carsí desenvolve actividades artesanais relacionadas coa salga da carne e do peixe. En 1857 encargouse do negocio Juan Carsí, que foi o último membro desa familia, do que se ten noticia, que se dedicou a levar as rendas da factoría.
![Fábrica do Alemán](http://meirande.redondela.gal/wp-content/uploads/2021/07/IMG_0737.jpg)
![](http://meirande.redondela.gal/wp-content/uploads/2021/07/slider-fabrica.jpg)
![](http://meirande.redondela.gal/wp-content/uploads/2021/07/IMG_1033.png)
![](http://meirande.redondela.gal/wp-content/uploads/2021/07/IMG_0904.jpg)
![](http://meirande.redondela.gal/wp-content/uploads/2021/07/IMG_0930.jpg)
Nesa segunda metade do século XIX a familia Carsí abandonou a salgadura e a partir deste momento alugou a factoría a distintos empresarios, como José Puig, en 1868. A familia Carsí mantivo a propiedade da fábrica ata 1942, cando lla vendeu a Román Cordero Martín.
En 1944 pasa a ser propiedade do industrial alemán Otto Gerdtzen Boyé afincado en Vigo. Xorde a marca comercial “Conservas Boyé” e ata 1952 mantén as dúas liñas de produción (a salga de peixe e a conserva), que comparten as instalacións. A fábrica mantívose aberta ata 1955, cando definitivamente remata a actividade.
O cargadoiro do Alemán
Situado a poucos metros do MEIRANDE, abastecía de ferro e volframio ao estado alemán durante o período de entre guerras (etapa comprendida entre o final da I Guerra Mundial en 1918 e o inicio da II Guerra Mundial en 1939). Foi construído entre 1925 e 1926.
A empresa propietaria do cargadoiro (Minerales Galaicos S.A.) de capital alemán, aparecerá en varias listas negras feitas entre 1944 e 1948 polo Departamento de Estado dos Estados Unidos, como empresa colaboradora co Terceiro Reich.
![](https://meirande.redondela.gal/wp-content/uploads/2021/07/carguero_antiguo_02-1.jpg)
![](https://meirande.redondela.gal/wp-content/uploads/2021/07/carguero_antiguo_03.jpg)
![Carguero Rande](https://meirande.redondela.gal/wp-content/uploads/2021/07/carguero_antiguo_01.jpg)
A colaboración entre o réxime franquista e Hitler é moi intensa e próxima durante a Guerra Civil Española e en anos posteriores. En setembro de 1939 o almirante Salvador Moreno, Ministro de Mariña, visitou Vigo e Ferrol para inspeccionar os portos e informar á embaixada alemá que estaban preparados para que os submarinos nazis (U-Boots) puideran comezar a aprovisionarse de víveres e combustible nas nosas costas.
![Cargueiro Rande](https://meirande.redondela.gal/wp-content/uploads/2021/09/59-Rande-paisaxe-cultural-5.jpg)
![Cargadoiro Wagner](https://meirande.redondela.gal/wp-content/uploads/2021/07/carguero-1.jpg)