O tesouro
A historia da búsqueda do tesouro comeza pouco tempo despois da batalla. Os primeiros traballos diríxeos Fernando de la Mata, baixo as instrucións do Consello de Indias. Pouco despois o seu rescate atraerá a moitos aventureiros durante o século XVIII: o sueco Sjojelm (1720), Juan Antonio Rivero (1732), que sacou diñeiro por valor de 3.068 reais, canóns, pranchas metálicas e outros aparellos, o francés Goubert (1740) e Bernardino Freire (1776).
A presenza italiana notouse nas últimas décadas do séc. XIX, onde destaca o enxeñeiro Giuseppe Pino, que traballou dende 1892 ata 1929 e rescatou múltiples obxectos (bandexas de prata do navío inglés Príncipe George, vasillas de barro cheas de viño, canóns…), e Carlos Iberti. Tamén son destacables as intervencións de: Frobin (1882); John Emery Gower (1885); Johnson (inglés, 1892); Conde de Pradaría e Andrieux (1899); André Sther (sueco, 1913), entre outros moitos.
A pesar diso, varias empresas interesáronse pola busca e extracción do suposto tesouro e dos galeóns; recentemente, o consorcio ruso San Simon GmbHi.Gr ofreceu á Xunta de Galicia trescentos dez millóns de euros a cambio do permiso para explorar a zona e o préstamo a longo prazo de tres galeóns que se exhibirían nos museos de Moscova, Berlín e Rostock (Alemaña). Unha primeira enquisa non detectou ningunha evidencia do presunto tesouro; o 3 de novembro de 2007 apareceron na prensa as primeiras imaxes dos galeóns afundidos, concretamente o Santo Cristo de Maracaibo, obtidas por sonar por un grupo de arqueólogos, xeólogos e xeofísicos. A maior dificultade á hora de localizar, levantar e escavar cada resto das naves é a enorme cantidade de lama acumulada ao longo do tempo, xa que os ríos e regatos que desembocan na ría depositan anualmente moitos sedimentos.
Xulio Verne en Rande
Jules Gabriel Verne (Nantes, 8 de febreiro de 1828 – Amiens, 24 de marzo de 1905), foi un escritor de novelas de aventuras e un dos pais do xénero da “ciencia ficción”, autor de novelas tan coñecidas como “Viaxe ao centro da terra”, “Da terra á lúa” , “A volta ao mundo en 80 días” e moitas máis. Foi tamén o autor de “20.000 leguas baixo dos mares”, obra na que o Capitán Nemo, protagonista da novela, achegábase ata Rande no seu submarino Nautilus para abastecerse dos tesouros afundidos.
Visitou Vigo polo menos en dúas ocasións: a primeira o 4 de xuño de 1878, e a segunda o 21 de maio de 1884. Chegou por mar a bordo do seu iate a vapor, o Saint Michel.
“O capitán Nemo pareceu ter concluído o seu relato que, confésoo, non vía eu en que podía interesarme.
– E ben? – pregunteille.
– Pois ben, señor Aronnax, estamos na baía de Vigo e só de vostede depende que poida coñecer os seus segredos.
O capitán ergueuse e pregoume que o seguise. Obedecino, xa recuperado o meu sangue frío. O salón estaba escuro, pero a través dos cristais transparentes refulxía o mar. Mirei.
Nun radio de media milla arredor do Nautilus as augas estaban impregnadas de luz eléctrica. Víase neta, claramente o fondo areoso. Homes da tripulación, equipados con escafandros, ocupábanse de inspeccionar toneis medio podrecidos, cofres desfeitos en medio de restos ennegrecidos. Das caixas e dos barrís escapábanse lingotes de ouro e prata, fervenzas de piastras e de xoias. O fondo estaba sementado deses tesouros. Cargados do precioso botín, os homes regresaban ao Nautilus, depositaban nel a súa carga e volvían emprender aquela inesgotable pesca de ouro e de prata.
Comprendín entón que nos achabamos no escenario da batalla do 22 de outubro de 1702 e que aquel era o lugar en que se afundiran os galeóns fretados polo goberno español. Alí era onde o capitán Nemo axudaba ás súas necesidades e lastraba con aqueles millóns o Nautilus. Para el só entregara América os seus metais preciosos. Era o herdeiro directo e único daqueles tesouros arrancados aos incas e aos vencidos por Hernán Cortés.
– Podía imaxinar vostede, señor profesor, que o mar contivese tantas riquezas? -preguntou, sorrinte, o capitán Nemo.”