A historia
En novembro de 1700 o rei español Carlos II “O Enfeitizado” morre sen descendencia, e deixa como sucesor no trono ao francés Duque de Anjou, o futuro Felipe V. Será a fin da Casa dos Austrias en España e o inicio dos Borbóns. Esta estreita alianza entre España e Francia asusta a Inglaterra e Holanda, potencias comerciais que non querían un poder hexemónico en Europa. Por esta razón a entente anglo-holandesa decide apoiar o outro pretendente o que iniciará unha guerra.
O enorme desgaste das nacións en guerra, sumado aos cambios producidos no escenario político internacional, acabarán por traer a fin do conflito que se selará mediante a firma de diversos tratados de paz, sendo o que ten maior transcendencia o asinado en Utrecht en 1713. Por este tratado Felipe V é confirmado no trono, pero a cambio de perder a maior parte dos territorios en Europa e algunhas concesións comerciais en ultramar. É o momento en que se perde Menorca e Xibraltar en favor de Inglaterra, que sen dúbida foi a gran beneficiada.
O papel de Galicia
Xustamente Galicia será logo escenario bélico co episodio da Batalla de Rande. A vitoria aliada que aquí se produce pon de manifesto, unha vez máis, a debilidade defensiva do Reino e motivará que Pedro II de Portugal, tomando nota do poder angloholandés, intente sacar partido da guerra cambiándose ao bando austríaco coa sinatura do Tratado de Methuen, en 1703. Por este tratado prometíanselle a Portugal, entre outras cousas, as prazas fortes de Tui, A Guarda, Baiona e Vigo. En contrapartida, os aliados obtiñan unha enorme base de operacións contra Castela en territorio peninsular.
Redondela no 1702
Neste momento Redondela constituíase en dúas partes ben diferenciadas: Vilavella, e Vilanova. O porto cumpría os obxectivos de seguridade pola súa situación no fondo da ría, de forma semellante aos portos de Pontevedra, Noia e Betanzos, que funcionaron dende o Medievo.
Redondela e Vilavella contaban con dous conventos, ambos foron testemuñas directas do desastre bélico da Enseada. No convento de Vilavella habitaban 40 monxas xustinianas contra 1700, e en San Simón, 20 frades. Estes últimos, durante os días previos á Batalla evacuaron da illa as imaxes e outros obxectos sacros, logrando fuxir todos salvo un, xa ancián, que tomou a decisión de quedar arriscando a súa vida. Finalmente, durante o ataque, os aliados incendiaron e voaron o convento.
A finais de século hai unha forte crise de abastecemento polas malas colleitas acrecentada pola guerra. En 1709 os municipais de Vigo laméntanse “da calamidade dos tempos e de ver como os máis dos veciños andan a pedir polas portas e morrendo de fame”.