Todos os anos, aproximadamente, a mediados de outubro ten lugar en Redondela o aniversario da Batalla de Rande (1702). A festa, cada vez máis concorrida, está dividida en dúas zonas do municipio: o centro da vila de Redondela e os arredores do museo MEIRANDE.
A pesar de que cos anos os actos sofren pequenas modificacións, os grandes eventos séguense mantendo. No centro de Redondela ten lugar unha breve pero intensa recreación da cruenta batalla, a cal conta cun espectáculo de pirotecnia. Doutra banda, na zona de
MEIRANDE, recréase o desembarco das tropas anglo-holandesas. Isto ten un simbolismo especial, xa que nese mesmo lugar pero en 1702 foi onde as tropas inimigas puxeron os seus pés en Redondela por primeira vez. Despois do desembarco séguense representando momentos clave do suceso, como pode ser o asalto á fortaleza que había na zona. Finalmente acaba cunha recreación do afundimento dos galeóns cun espectáculo de pirotecnia que non deixa indiferente.
Entre os eventos de menor tamaño adoitamos atopar representacións teatrais para todos os públicos, visitas en barco pola enseada de San Simón (escenario destes sucesos), mercados
artesanais, etc.